28 abr 2011

Últimas novas

Xa temos logotipo!
En breve poderedes velo xa aquí colgado e tamén vos avisaremos da entrega de premios. A selección do traballo gañador foi moi difícil, noraboa a todo/as participantes pola calidade das súas obras.
Para pechar o círculo de lecturas que iniciamos hai uns meses con outra obra gráfica, escolleuse como última lectura deste curso Os lobos de Moeche, de Manel Cráneo. Poderedes recollelo o próximo venres, no lugar de xuntanza habitual.

14 abr 2011

Hoxe e mañá estamos votando o logotipo do club

Pasade pola Sala de Xuntas, onde están expostos os traballos.
Recordade que imos celebrar un Mercado de libros de segunda man a semana do 9 ó 13 de maio. Traede os que teñades en bo uso, pero xa non empreguedes e que poidan resultar interesantes para outras persoas.
O día 2 de maio temos a convivencia co Club de Lectura Guntín e co Club de Lectura de Allariz, ide preparando a equipaxe de lecturas para comentar.

5 abr 2011

As novas lecturas




A seguinte lectura para os de 1º e 2º é Usha de María Reimóndez, finalista do Premio Merlín 2005. Unha novela emocionante que reflicte unha realidade cultural descoñecida para moitos: Uxía, Usha para os seus amigos, escribe o relato da súa estancia en Devastana, unha vila do estado de Karnata na India, onde pasa longas tempadas acompañando a súa nai, membro dunha ONG que traballa en proxectos de cooperación.




Pola súa banda, os maiores do club lerán Una habitación en Babel de Eliacer Cansino, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2010. En palabras do autor: 
"Babel é un símbolo da confusión. Na novela hai conflitos entre os propios adolescentes. Son conflitos de celos e de integración no grupo. E logo están os conflitos sociais provocados pola pobreza, a incomunicación e a delincuencia, que é probablemente o grao máis alto da marxinación".





 Inés y la alegría, de Almudena Grandes (lectura para os adultos) é unha obra que, baseándose nun feito real ocorrido na metade dos anos 40 (a invasión do val de Arán por tropas antifranquistas), novela as vidas de distintos personaxes de ficción, entre elas a que lle da título á obra, durante o período comprendido entre o final da IIª República e a recuperación da democracia en España. O peculiar estilo narrativo da autora nesta historia, primeira do que denomina ela mesma "Episodios de una Guerra Interminable", e a continua desorde cronolóxica, fan que esta obra levante paixóns encontradas entre os lectores.