22 dic 2010

Maus

Onte reunímonos para falar desta obra, e, os participantes fixemos moitos comentarios. Aquí reproducimos o  da compañeira Ánxeles Cuña (de Sarabela Teatro), que non puido asistir pero deixou as súas reflexións neste breve texto:
Maus é a historia aceda e ateigada de crueldade deun supervivente de Auswitz, Vladek Spiegelman, narrada ao seu fillo Art (o autor do libro). Pero ademáis, en Maus o autor tamén realiza un retrato do seu pai na actualidade, así como da súa difícil e tensa relación con el. En Maus, Spiegelman vai máis aló do Holocausto para instalarse na psicoloxía do supervivente nun intento de desfacer a matogueira da súa relación paterno-filial, da sombra da nai suicida e da pantasma dun irmán santificado ao que non coñeceu. Os personaxes amósansenos con rasgos faciais de animais, característica que usa con fins narrativos; os xudeos son presentados como ratos, os nazis coma gatos, os polacos coma porcos...
A estrutura é sólida e construída polo miúdo, moi elaborada. Os protagonistas están creados en varias dimensións, aprezándose as súas intencións e motivacións; os seus sentimentos son recoñecibles. Son complexos habitantes dunha "biografía debuxada". Podería mesmo cambiarse de xénero e facer adaptacións para o teatro, contacontos e/ou cinema, xa que hai trama e subtrama (Holocausto e historia familiar); de feito, parece ser que Spielberg chuchou o seu desta historia cando fixo "A lista de Schindler".

14 dic 2010

Varios

Queridos lectores:
 O venres celebrouse (por fin!) a primeira xuntanza do grupo 4º de ESO e BAC para comentar un libro, neste caso, De profundis. Axiña engadiremos nesta entrada as reflexións que unha das participantes fixo sobre a obra.
No taboleiro da entrada está a vosa disposición unha folla para que anotedes as propostas para as próximas lecturas, pero tamén podedes facelas aquí, como se fose un comentario calquera.
O próximo venres, coma sempre no 2º recreo, haberá unha nova actividade, posiblemente aberta para todos os membros do club. Lembrádevos que agora reunímonos na aula 8, que está debaixo da Sala de Gardas do Profesorado.
Se chegan os libros a tempo para repartilos antes de Nadal, xa avisaremos.
Saúde e boas lecturas!

4 dic 2010

Cambio de data

Onte non se celebrou finalmente a xuntanza prevista para comentar De profundis, porque nese mesmo momento estaba tendo lugar no centro outra actividade conmemorativa en relación coa Constitución. Se non hai nada de novo a reunión será o venres que ven, 10 de decembro, no 2º recreo, pero aínda non está determinado o lugar, estade atentos ós avisos e aproveitade a ponte para ler moito.