22 dic 2010

Maus

Onte reunímonos para falar desta obra, e, os participantes fixemos moitos comentarios. Aquí reproducimos o  da compañeira Ánxeles Cuña (de Sarabela Teatro), que non puido asistir pero deixou as súas reflexións neste breve texto:
Maus é a historia aceda e ateigada de crueldade deun supervivente de Auswitz, Vladek Spiegelman, narrada ao seu fillo Art (o autor do libro). Pero ademáis, en Maus o autor tamén realiza un retrato do seu pai na actualidade, así como da súa difícil e tensa relación con el. En Maus, Spiegelman vai máis aló do Holocausto para instalarse na psicoloxía do supervivente nun intento de desfacer a matogueira da súa relación paterno-filial, da sombra da nai suicida e da pantasma dun irmán santificado ao que non coñeceu. Os personaxes amósansenos con rasgos faciais de animais, característica que usa con fins narrativos; os xudeos son presentados como ratos, os nazis coma gatos, os polacos coma porcos...
A estrutura é sólida e construída polo miúdo, moi elaborada. Os protagonistas están creados en varias dimensións, aprezándose as súas intencións e motivacións; os seus sentimentos son recoñecibles. Son complexos habitantes dunha "biografía debuxada". Podería mesmo cambiarse de xénero e facer adaptacións para o teatro, contacontos e/ou cinema, xa que hai trama e subtrama (Holocausto e historia familiar); de feito, parece ser que Spielberg chuchou o seu desta historia cando fixo "A lista de Schindler".

14 dic 2010

Varios

Queridos lectores:
 O venres celebrouse (por fin!) a primeira xuntanza do grupo 4º de ESO e BAC para comentar un libro, neste caso, De profundis. Axiña engadiremos nesta entrada as reflexións que unha das participantes fixo sobre a obra.
No taboleiro da entrada está a vosa disposición unha folla para que anotedes as propostas para as próximas lecturas, pero tamén podedes facelas aquí, como se fose un comentario calquera.
O próximo venres, coma sempre no 2º recreo, haberá unha nova actividade, posiblemente aberta para todos os membros do club. Lembrádevos que agora reunímonos na aula 8, que está debaixo da Sala de Gardas do Profesorado.
Se chegan os libros a tempo para repartilos antes de Nadal, xa avisaremos.
Saúde e boas lecturas!

4 dic 2010

Cambio de data

Onte non se celebrou finalmente a xuntanza prevista para comentar De profundis, porque nese mesmo momento estaba tendo lugar no centro outra actividade conmemorativa en relación coa Constitución. Se non hai nada de novo a reunión será o venres que ven, 10 de decembro, no 2º recreo, pero aínda non está determinado o lugar, estade atentos ós avisos e aproveitade a ponte para ler moito.

26 nov 2010

Non o esquezades!


Hoxe, no 2º recreo, na biblioteca, o grupo de lectores de 1º a 3º de ESO, ten a xuntanza para falar de A mansión dos Pampín. Acordádevos de vir e traer os libros para devolvelos.

22 nov 2010

O profesorado e persoal non docente interesado en participar na primeira lectura, pode poñerse en contacto con algunha das dúas coordinadoras para establecer a quenda de préstamo dos exemplares de Maus, que chegan hoxe ó centro, grazas á xenerosidade da Biblioteca de Redondela.
O alumnado que queira ler esta obra, tamén pode solicitar un exemplar.

19 nov 2010

Hoxe, no segundo recreo, terá lugar a presentación oficial do blogue do Club de Lectura,  na bilioteca. Aproveitade e facede os vosos comentarios.

9 nov 2010

Lectura para o grupo de adultos

Para os maiores deste club de lectura, escolleuse como primeira obra, Maus, unha interesante combinación de imaxes e texto para contar unha historia difícil, que gañou un premio Pulitzer en 1992. 

O autor, Art Spiegelman, reproduce nel moitos elementos autobiográficos, pois en realidade novela a vida dos seu pai, un supervivinte de Auschwitz.

5 nov 2010

Primeiras lecturas

O martes, no primeiro e segundo recreo, na biblioteca, vanse repartir os primeiros libros para esta xeira: De profundis, para o grupo de maiores, e A mansión dos Pampín, para os máis novos. Nas dúas obras, o autor, Miguelanxo Prado conxuga as imaxes e as palabras para relatar unha historia, aínda que o formato  resulta moi diferente nos dous casos.
Este artista ten unha páxina web onde podedes atopar máis información sobre o seu traballo e moitísimas das súas creacións gráficas (http://www.miguelanxoprado.com/). Agora mesmo está poñendo imaxes a un relato de Torrente Ballester, "El cuento de la sirena".




4 nov 2010

Primeiras xuntanzas

O vindeiro venres, día 5, na biblioteca, hai unha reunión informativa sobre o funcionamento desta actividade, en dúas convocatorias: ás 10:10 para o alumnado de 1º, 2º e 3º de ESO e ás 12:10 para o alumnado de 4º de ESO e BAC. Non esquezades vir!
O profesorado e outros colaboradores non docentes temos a primeira xuntanza, tamén con carácter informativo, o luns 8 de novembro, na sala de titorías, ás 10:10.
Por certo, se queredes acceder a máis información e imaxes sobre a actividade de Menassa, podedes visitar El blog maravilloso.

30 oct 2010

Recital de Menassa

O luns 25 tivemos a sorte de ter con nós ó escritor Miguel Óscar Menassa, proposto pola AIW para o Premio Nobel de Literatura. Os seus versos encheron o noso salón de actos de maxia e de amor pola vida e a poesía. Como mostra desta actividade, aquí tedes estas imaxes, e unha das fondas reflexións do poeta:
                       "Si es posible el poema, es posible la vida".

28 oct 2010

Benvidos

Hoxe comeza a camiñar na rede este blogue do Club de Lectura do IES Universidade Laboral de Ourense. Este é o primeiro curso que hai esta proposta para os lectores do noso centro educativo, e queremos animar dende aquí a todo o alumnado e profesorado a participar nas distintas actividades que se realicen.